domingo, 15 de xuño de 2014

Ruta polos vestixios da fraga de Toxosoutos.

O día 5 de xuño, Día do Medio Natural, o equipo de 2º ciclo de educación primaria, en colaboración coa historiadora Maite Sobradelo e o técnico deportivo Germán Romero (traballadores do Concello de Lousame) organizamos unha ruta que percorreu os vestixios da antiga fraga de Toxosoutos, na parroquia de San Xusto.

Esta ruta planificouse para que o alumnado de 3ºA, 3ºB, 4ºA e 4ºB coñecese o medio natural do Concello, desfrutase do mesmo e realizase actividades ligadas á ruta unha vez feita.

Podedes ver na seguinte imaxe o mapa da ruta realizada.


A distancia percorrida foi de 5,5 km e o tempo empregado foi de 2 horas e 24 minutos (incluído tempo de descanso).


Agora imos comentarvos como transcorreu a ruta.



O bus deixounos no acceso ao mirador do Monte Culou.
 




 Aquí estabamos iniciando o ascenso ao mirador, Germán lideraba o grupo. A algúns xa lle fraqueaban as forzas.



 Puidemos marabillarnos coa panorámica da Ría de Muros-Noia, co Monte Louro ao fondo. Todos quedamos abraiados, lembramos que o Río Tambre e o Río Traba desembocan na Ría.



Maite explicounos onde quedaban as aldeas que se divisaban dende o mirador.


Nesta imaxe, iniciabamos o descenso cara Toxosoutos. Menos mal que o día no foi caloroso.



Pasamos pola beiriña do Río San Xusto, á nosa dereita apereceron os muíños de auga.



Mirade a perspectiva da fervenza. Impresiona, non si?


Para chegar á fervenza tivemos que cruzar unha ponte e aí nos vedes, na outra beira do río.



E por fin, a desexada fervenza e a poza que forma.




Á nosa esquerda deixamos a igrexa de Toxosoutos.




Dende esta panorámica puidemos apreciar o espazo de acceso á igrexa.






Maite explícanos nocións básicas de historia sobre o complexo eclesial de Toxosoutos. Comentounos que inicialmente o que existía era unha ermida na que se retiraran os cabaleiros Xusto e Pastor. Posteriormente fundaríase o mosteiro. Tamén explicounos o tipo de árbores que se atopan no que queda da fraga de Toxosoutos. E por suposto, díxonos que os eucaliptos non forman parte do que queda da fraga.


Se queredes coñecer máis sobre a historia do mosterio premede na seguinte ligazón.
http://www.concellodelousame.com/es/historia/mosteiro/mosteiro.html




Unha vez que Maite nos dixo que neste anaco de terra xacía o Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, non o dubidamos e puxémonos a explorar.  Decatámonos que había varias árbores, a maioría freixos e un muro grande que acotaba o espazo, onde supostamente se erguía o mosteiro.



Na beira do río San Xusto había moitas árbores abeleiras.


Mirade as súas follas. Son caedizas. E como se di en inglés a palabra caedizas? "Deciduous". 


No contorno tamén atopamos unha oliveira. É de folla perenne.



As súas follas mistúranse coas da hedra, pero non hai confusión, as follas da oliveira son follas ovais opostas.



Tamén vimos acivros. Son arbustos de folla perenne.



Despois de visitarmos Toxosoutos dirixímonos cara o noso destino final: Cabanetán.
Unha vez rematado o xantar e dado que chovía, fixemos diferentes xogos: "vexo, vexo", "un, dous, tres zapatiño inglés", xogos de corda, etc.



Iniciamos a creación do mandala de 2º ciclo.


E fixemos xogos de coordinación, co mestre Óscar (ou o que queda del na foto).


Se queredes, podedes facer achegas sobre a saída. Ata a próxima!

1 comentario:

  1. Gustoume a ruta. Paseino moi ben e aprendín que en Toxosoutos había unha fraga agora so quedan os restos.

    ResponderEliminar